miércoles, 12 de octubre de 2011

CARTA ABERTA Ó ALCALDE DE PONTECESO

O acontecido no Pleno Extraordinario do Concello de Ponteceso do luns 10 de Outubro de 2011 ven demostrar a dinámica que o Alcalde de Ponteceso está a impoñer nesta lexislatura. Cando se debatía o punto 2 da orde do día, e despois das intervencións dos voceiros de APIN e BNG, no turno do voceiro do PSdeG-PSOE, o Alcalde de Ponteceso adicouse a interromper a exposición do concelleiro socialista, controlando o tempo, e cando considerou deu a intervención por rematada, sen deixar concluír a exposición. O concelleiro fixo uso do seu dereito á palabra, pois fora interrumpido no medio da súa exposición, e o Alcalde, despois de advertir só unha vez, dixo á Policía Local que expulsara do Pleno ó Concelleiro socialista. Os outros dous concelleiros do seu grupo tamén se ergueron e os concelleiros de APIN e BNG, en protesta por esta forma de actuar, tamén abandonaron o salón de Plenos.

Este feito é só un exemplo do comportamento antidemocrático que está a ter o alcalde coa oposición. Enumeramos algúns: a negativa do Alcalde a levar o interventor accidental á comisión de Facenda e ó Pleno para que responda ás preguntas dos concelleiros sobre a situación económica do Concello. O uso da vía de urxencia nas convocatorias para evitar que poidamos consultar a documentación. A celebración de todos os plenos e comisións ás 9:00, sendo especialmente grave no tema dos plenos, pois impide a asistencia da maior parte dos cidadáns. O uso partidista dos actos institucionais. A ausencia total de recursos para os concelleiros da oposición (un espazo no concello, como solicitamos). As trabas contínuas para a entrega de copias da documentación que debe estar a disposición dos concelleiros. A ameaza nos Plenos ós concelleiros da oposición con levalos ó xulgado por manifestar o desacordo coa xestión municipal, como sucedeu no Pleno de hoxe.

Sen embargo, o máis grave de todo isto é a limitación do noso dereito ó uso da palabra nos plenos. Só a través do debate, do diálogo, das propostas e dos acordos ten sentido a nosa labor como representantes dos veciños. Hai múltiples exemplos na comarca de Plenos municipais onde se producen intervencións dos portavoces municipais sen límite
do tempo de intervención, concellos onde os portavoces do Partido Popular (na
oposición) teñen intervencións de vinte minutos ou máis sen que o Alcalde expulse a ninguén do Pleno.

Os portavoces dos tres partidos asinantes, na oposición na presente lexislatura no Concello de Ponteceso, esiximos respeto ó verdadeiro obxectivo dos Plenos municipais, que é chegar a acordos que favorezan ós veciños mediante o diálogo, e non bloquear a consulta de documentación polos concelleiros para o correcto control da acción do goberno. Toda esta estratexia do Alcalde de Ponteceso está dirixida a que non poida existir actividade política en Ponteceso, a que haxa un só partido como nas ditaduras. Nós non imos permitir que pola acción deste Alcalde Ponteceso se convirta nun “concello bananero”.

Asinado,
José Manuel Pose Verdes (APIN), Manuel Varela Domínguez (BNG), Xosé Lois García Carballido (PSOE)

No hay comentarios:

Publicar un comentario